'Wo yɛ yɛn deɛ', Aidoo


Foto: RC Celta

A Pepiño quéreselle. Pola súa honestidade, polo seu traballo, por ese sorriso enorme cheo de vida. Poucos coma el exemplifican os valores do Celtismo, ou do deporte en xeral. É un tipo humilde, pero con aspiracións. Chegou con unhas cualidades físicas impresionantes. Aquí medrou como xogador a base de moitos problemas, de erros, de dor, pero sobre todo de traballo, traballo, traballo e máis traballo. E converteuse no que é. Un formidable defensa. E falo en presente e digo formidable, porque o é. A pesar de que a lesión nos arrebatou unha gran parte do Aidoo que coñecemos.

Desexarlle sorte non é só xusto. É necesario. É incriblemente necesario. Porque ás veces, os afeccionados, non entendemos ou non queremos entender, que detrás dese xogador, do ídolo do teu fillo, do profesional excelentemente pagado... hai unha persoa. Cústanos discernir eses matices. Cústanos, en definitiva, ver ao ser humano que hai detrás. Quedámonos na xogada, no acerto, no erro, nas prestacións, na camiseta. E negamos -moi profiláctica e cinicamente- a visión de todo o demais.

Quizais o caso de Aidoo é diferente. Porque é un tipo que coa súa maneira de ser faise querer. Fai que o acollamos, sinxelo, humilde, indispensable. O seu nome tráeche un sorriso. O seu nome tráeche cousas boas. Dáche un certo tipo de calor cando o escoitas. Recoñéceo como 'da casa'. Como o que é e exemplifica.

Un celtista de Ghana. O noso Aidoo.

Onte pasei co meu fillo por Calo, no coche. Nunha das súas parroquias, 'O Aido', alguén tivo a idea de cambiar o rótulo indicativo da estrada. Pintoulle de branco o 'O' e engadiulle unha 'o' ao final do letreiro. Diego ría. 'Mira papá, o pobo de Aidoo'. Sorrín. Sorrimos. Ninguén coma Pepiño para lograr que alguén, un celtista de Compostela -onde hai moitísimos e algún día alguén tería que ternos máis en conta- cambie o rótulo para homenaxear a un rapaz africano, ao que o propio club lle negou -coma a tantos grandes- unha despedida digna.

Porque Aidoo é celtista que se fai querer. Un dos nosos. Non sei se volverá. Pero en calquera caso só lle pido hoxe á vida, que lle vaia de luxo e lle vaia ben. Porque o merece.

'Wo yɛ yɛn deɛ', Aidoo. Non o esquezas. Xamais.

0 comments:

Publicar un comentario