(RFGF) Queda oficialmente activada a conta atrás para o gran día, para a gran festa do fútbol galego. Entramos na semana da Selección Galega, na semana do regreso oito anos máis tarde da Irmandiña. A gran cita, o venres 31 de maio a partir das 20 horas no Estadio Municipal Abanca Balaídos.
A RFGF, co obxectivo de que a xornada sexa toda unha festa, presentou este luns na sede federativa de Vigo o programa de actividades paralelas que levarán a cabo o vindeiro venres contorna ao Galicia-Panamá. O cartel conmemorativo do evento, o encontro que disputará pola mañá "A Outra Irmandiña" e a instalación dunha Fan Zone nos arredores do Estadio Municipal Abanca Balaídos foron as actividades desveladas esta mañá durante o acto.
Ao acto de presentación do programa acudiron o vicepresidente da RFGF, Fernando Iglesias; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o actor e humorista Xosé Antonio Touriñán; e a artista María José Pulido.
Unha obra de arte para un día único
A pintora viguesa María José Pulido foi a encargada de presentar a súa propia obra, o cartel conmemorativo do Galicia-Panamá, unha obra feita a man que plasma á perfección a esencia do encontro. "Buscando o ritmo da forma, baseándome no movemento das pernas e dos pés e incorporei, por suposto, as cores principais da vestimenta de ambas as seleccións e cun gran balón negro de fondo. Estou moi contenta e agradecida pola oportunidade que me deu a Federación".
O venres tamén entrará en xogo "A outra Irmandiña"
O campo federativo de Coia será testemuña do espectáculo que dará sobre o terreo de xogo "A outra Irmandiña". O actor e humorista galego Xosé Antonio Touriñán foi o encargado de poñer en marcha este partido amigable no que participarán un nutrido elenco de actores, actrices, figuras do audivosivual galego, ex futbolistas e xornalistas galegos. A gran cita terá lugar o propio venres 31 de maio a partir das 12.30 horas en Coia.
"O mellor de todo isto é que eu mandei varias mensaxes e aquí apúntase todo o mundo. Non se se terei que facer algún que outro descarte. O importante é pasalo ben, botarnos unhas risas e que este venres sexa unha festa do fútbol galego", apuntou Touri, quen desvelou a convocatoria feita por el mesmo. Así, nomes como Antonio Durán Morris, Sonia Méndez, Boyanka Kostova, Nacho Carretero, David Perdomo, Dani Mallo ou Roberto Lago serán os encargados de dar espectáculo sobre o sintético do campo federativo de Coia.
O himno galego a cargo das Tanxugueiras
As Tanxugueiras serán as encargadas de interpretar o himno galego nos prolegómenos do encontro entre Galicia e Panamá sobre o propio céspede do Estadio Municipal Abanca Balaídos. O encargado de presentar esta iniciativa foi o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia, Valentín García. "É un orgullo que as Tanxugueiras sexan as encargadas de interpretar o himno galego nun día tan especial para todos".
Así, e para que a afección galega acompañe ás Tanxugueiras durante a interpretación do himno, a RFGF colocará en cada butaca do estadio a letra do mesmo.
Fan Zone nos arredores do Abanca Balaídos
A gran festa do fútbol galego vivirase nos arredores do Estadio Municipal Abanca Balaídos desde dúas horas antes do inicio do mesmo. Así, e desde as 18 horas, vivirase o ambiente cunha instalación dunha fan zone que inclúe inchables para os máis pequenos, un dj e unha exposición que recolle varias fotos do último atopo que a Selección Galega absoluta disputou en 2016 ante Venezuela.
0 comments:
Publicar un comentario