Non hai tantos anos metinme nunha sala de reunións co director comercial dunha tecnolóxica galega bastante coñecida. Un mal tipo, Pero de bo porte, elegante, peinadiño con Patrico ou gomina perfumada, con canas tipo 'fuckmature', de airecillo interesante, traxe de Armani impoluto e zapatiños de charol. E ao cabo, o meu xefe. Daquela reunión (tensa e dura onde nos chamamos de todo, menos guapos) lembro varias cousas mencionables aquí. Unha, que el mesmo recoñecía ser un completo ignorante tecnolóxico, 'de computadores, moi pouco, só sei acendelos... non me interesan'. Olé os seus collóns!. Mandaba carallo a afirmación sendo director comercial dunha empresa tecnolóxica. E a segunda frase deste señorial interfecto ilustrado era que o que realmente "lle motivaba" e " o poñía palote '' era "unha folla de excel de balances positivos".
O Excel coma parafilia. E eu con estes pelos...
A verdade: non puiden evitar imaxinarme a aquel homiño realizando un acto de onanismo no baño de directivos, bufando de placer e extasiado mentres mantiña unha excel na man dereita. E por culpa de DefConDos e a súa canción ' Pánico a una muerte ridícula', na miña visualización engadín unha bolsa de plástico naquela cachola repeiteada. Co cal recoñezo que houbo un momento no que estivo a piques de escaparme unha risotada épica.
Sabía que existía este tipo de xente. Anormais aos que un balance positivo de contas estimúlalle a dopamina, a testosterona ou outras cousas que non vou mencionar aquí. Pero era a primeira vez que me atopaba cun cara a cara. E a verdade é que foi en grao sumo interesante. Como el mesmo dixo, do mundo tecnolóxico da nosa empresa nada " lle interesaba". Gustáballe basicamente o Excel con moitos números en verde.
É o resultado dunha vida triste centrada en cousas tristes.
Extrapolándoo ao Celta... o mesmo: temos no Celta unha directiva e a un máximo responsable da mesma que deben de ser do mesmo credo relixioso "A santa hermandade do Excel cos numeriños en verde" . Entendo e comparto a idea dunha coherencia na xestión económica que evite problemas e sustos. Mesmo estou de acordo a que o máximo accionista recolla beneficios, pero iso sen deixar de lado - como é evidente que se fixo - o espírito da competición. Xa non é estar supeditado o tema deportivo o económico. E que o tema deportivo xa non existe: e unha conta de resultados. Un asiento contable. Non hai unha planificación deportiva para competir. E unha planificación pensada para especular, para revalorizar, para plusvalidar, para obter 45 puntos, e outro ano a facturar.
A perda do ADN de competición neste equipo xa non é algo alarmante... é simplemente inaudíto. Converteron o núcleo deste equipo nunha especie de maionesa onde xuntarons balance económico, permanencia, dereitos televisivos, advenedismo politico e especulación.
E iso, señores da directiva, é o que fixo que o Celtismo estea tan baixo de acólitos en xeral como cando case nos imos a segunda B. Balaidos perde case 8000 afeccionados, as cotas de compra de partidos nas plataformas dixitais están no nivel máis baixo desde o ultimo ascenso e o divorcio bancada - directiva é evidente. Non parece que a resolución a este conflito vaia a ser fácil. Como dixen unha vez, o tempo de Carlos Mouriño á fronte da entidade caducou. O seu tempo está vencido. Para él é só outra empresa do seu grupo accionarial. E non o digo eu, díxoó el. As nosas glorias deportivas estanse a ver moi claras. Esta directiva pode presumir disto: somos campións do mundo do Excel ... con numeriños verdes. Maravilloso, oiga. A ilusión, se tal, para outro día.
0 comments:
Publicar un comentario