"Os mellores 0,9 segundos da miña vida", por Javi Vaz


Iso tiña que entrar. Despóis unha carreira, repleta de ledicia, ata o curruncho onde estaban eses 2.600 afoutos heroes. Alí xuntaríamonos todos: chegaría todo o banquillo, Toto incluido; formarían unha piña cos once, avalancha dende a bancada, silencio sepulcral no resto do campo, e os fans do United vendo coma as almas de centos de miles de celtistas cruzan o oceano para disfrutar desa aperta, no que tiña que ser o córner máis fotografiado da nosa historia.

E despóis Solna. Preparativos da viaxe; as críticas de sempre ao clube polo reparto das entradas; o Alcalde en tódalas fotos con Mourinho coma se non pasara nada; a viaxe a Estocolmo e o partido no Friends Arena, onde estaríamos 10.000 gorxas rebentadas, como di Sime, gozando dunha das maiores épicas do fútbol moderno. Cánticos e gritos dende Suecia que se escoitarían en Bouzas, Coia, Beade ou Freixo (que é tan pequeno que non colle no mapa) coma se o partido fora no Vello Balaídos.

Pero non. Coma sempre. Granada, Marsella, Alejo… xa coñecedes esta lista de nomes. Lista na que engadimos o nome de Guidetti (ou o de Beauvue, é o mesmo). Mais eu so pido que o fútbol, por unha vez, permítanos facer outra lista, que sexa curta, non pasa nada; chega cun so nome. A esa chamarémola a lista do que puido ser, e por fin foi.

Mais eses 0,9 segundos non os esquecerei nunca. O instante no que a pelota chega ata Claudio. Todos, na casa, campo ou bar, abrimos os ollos ó máximo, respiramos fondo e vimos a gloria. Ahí estaba o ceo, ahí estaba esa porta da que nos falou o Toto cedendo, a piques de caer. A luz que hai detrás dela asomou polo marco, vimos un chisco do que oculta. Pero volveu pecharse nas nosas narices, deixándonos outra cicatriz sen cura.

Non estaba pra nós, din os que nos consolan. Igual que nos 94 anos que nos preceden. Pero sabemos que algún día estará. Que Hugo, Iago, Sergio e eses catro amigos o lograrán. Serán eles, porque senón deixaremos de crer na xustiza. Estaremos alí e darémonos todas esas apertas que temos pendentes e cambiaremos o significado das nosas bágoas. Persoalmente, quero facelo ao voso carón, na codia terrestre ou no fondo da ría.

Como somos. Tras eses 0,9 segundos caemos e choramos, metemonos na cama pensando nesa xogada. Pero cando nos demos conta, xa estábamos soñando de novo. Aínda temos que ensinarlle a moita xente o que significa Afouteza. Non coñezo a ninguén do Celta que non estea pensando xa na seguinte xesta.

0 comments:

Publicar un comentario