Comunicado conxunto das peñas sobre o ocorrido na viaxe á Coruña


As peñas Comando Celta, Centolos Celestes e Irmandiños 1923 queren mostrar o seu descontento ante os feitos vividos o pasado domingo 13 de novembro na nosa viaxe á Coruña a presenciar o encontro entre o R. C. Deportivo da Coruña e o R. C. Celta de Vigo no estadio municipal de Riazor.

Primeiro. O caos e a desorganización provocado pola incapacidade mostrada pola Policía Nacional e a Policía Local de A Coruña. Tanto no agrupamento feito polos buses na AP-9, na entrada na Coruña e na chegada a Riazor. Este carrusel de feitos provocou que os nosos buses fosen apedreados polo siareiros locais, cando quedaron atascados en distintas rotondas da cidade herculina, ata chegar a un intento de asalto nun dos autobuses da nosa caravana. Todo elo ante a pasividade policial.

Segundo. As forzas de seguridade na súa incapacidade chegaron a feitos denunciables. Como entrar no bus da peña Irmandiños ameazando no seu interior ós seus ocupantes e sacando a un mozo a rúa mentres continuaban as agresións a caravana. Ou tamén maltratando verbalmente a todo aquel siareiro que se queixaba do que estaba a acontecer, contestando de forma desagradable e agresiva, culpando aos siareiros celestes.

Terceiro. O silencio dos medios públicos galegos e dos locais de A Coruña ocultando os feitos, cando foron informados case ao instante do que estaba a ocorrer. Nunha equivocada política de non darlle publicidade, acadan o efecto contrario ao protexer aos violentos no seu anonimato. Hai que denunciar toda a violencia que ocorre, sexa de calquera das partes.

Cuarto. Condenamos todo tipo de violencia, sexa azul ou celeste. O lanzamento de obxectos que se produciron en Riazor en tódalas gradas é lamentable, pero prodúcese nun recinto pechado con vixilancia por cámaras onde se pode e se debe identificar aos agresores.

Estes acontecementos son dobremente tristes tratándose dun desprazamento histórico, xa que non se recordaba un movemento tal entre estas dúas cidades galegas, coñecido por todos: medios, dirixentes e forzas e corpos da seguridade. A pesares do ocorrido, seguiremos viaxando á Coruña para apoiar ao noso equipo na situación que sexa, porque o Celta nunca estará so alí onde vaia.

0 comments:

Publicar un comentario