A encrucillada de López Garai


Óscar Lorenzo é un xornalista que, entre outras cousas, traballa par o diario A Nosa Terra e ten un blog chamado "O Celta, día a día" onde soe colgar artigos coa súa opinión sobre a actualidade do Real Clube Celta. Máis alá da estar ou non de acordo con él en certos aspectos, que para iso é a súa opinión, quero destaca-lo artigo que escribía este luns sobre Aritz López Garai e que reproducimos agora de forma íntegra:


Aritz López Garai vive a súa peor tempada des que é xogador do Celta. Representante da xeración 'Nin-Nin' no Celta (nin defendo nin ataco), é chegada a hora de pedir que deixe de figurar como opción preferente no medio campo celeste.

O xogador vasco Aritz López Garai desempeñou un labor correcto os anos que estivo en Vigo pero esta tempada o seu nivel caeu espectacularmente. Perdeu colocación, pase, visión de xogo e, sobre todo, roubo de pelota. É un futbolista precipitado, sempre nervioso, moitas veces impreciso e outras moitas "desaparecido" nese bosque de pernas que é ás veces o medio campo do Celta.

Recoñezo que falo esta semana del pola súa nefasta actuación en Las Palmas, onde cedeu un balón que acabou convertido no gol de Jorge Larena, pero a cousa non empezou este sábado. Vén de lonxe.

López Garai foi en tempos un xogador con corpo, con fortaleza, incluso con certo equilibrio entre o labor defensivo e creativo, na liña dos mediocampistas que tanto se aprecian hoxe e que en Vigo representaba, sen fortuna, Borja Oubiña. Pero a pesr de ter moitos minutos, a total confianza do adestrador, que o converteu na primeira volta en metáfora de si mesmo sobre o céspede e un inequívoco respecto do público, López Garai foise esvaendo até non quedar nin rastro das calidades que algún día tivo. No canto daquelas virtudes quedou a impaciencia e incluso a autocompracencia, como cando esixiu, micrófonos diante, unha renovación que, á parte de non prioritaria, dado que o seu contrato non caduca proximamemente, parece inapropiada, visto o seu rendemento.

Non vou buscar culpábeis da mala primeira parte nas Canarias. Bustos tamén cometeu erros e o principal responsábel de que a engrenaxe non funcionase hai que buscala no banco: Paco Herrera trabucouse. Montou un equipo para defender con xogadores que non defendían e até que introduciu a Trashorras ninguén quería levar as rédeas da creación do xogo –lembremos unha vez máis–, a base deste xogo tan vello chamado fútbol.

Sepultado o gran soño do ascenso directo, o fútbol que nos queda vai ser (témome) aburrido e nada semellante ao que desfrutamos na primeira volta. Os líderes daquel equipo fluído e efectivo andan cansos e Paco Herrera aínda non asumiu a transición de obxectivos, a necesidade de asegurar o terceiro posto (outra semana falarei de se é conveniente ser terceiro ou non) ao tempo que se perfila o fútbol correoso e eficiente que vai facer falta para gañar esa final four do play off.

López Garai non debería estar entre os escollidos para ese desafío. Este ano o seu contributo ao Celta xa está rematado. É a hora do compromiso pero tamén a do talento. Disque Jota podería ser unha opción para esta fase. Eu falo coma Johan Cruyff: se o da Pobra do Caramiñal sobe ao primeiro equipo, aínda que sexa con tan poucos partidos por diante, que sexa dun modo permanente, para que o Celta rendibilice o proceso de maduración que viviu no Celta B, para que comprobemos que ten a tensión necesaria para ir acomodándose ao carrusel de cambadelas que é a segunda división. Para ser o 18º xogador convocado ou para salvar móbeis cando os partidos están costa arriba, mellor esperar a que Oubiña volva... E volverá?

0 comments:

Publicar un comentario